lunes, 18 de enero de 2021

Dosier: unha tarefa para coñecernos mellor

Na nosa última clase estivemos ocupados facendo unha actividade interesante: o mapa do noso repertorio lingüístico persoal e colectivo (de toda a clase).

Esta actividade resultou ser de gran valor para entendermos varias cousas.

1. Somos europeos

Non é unha coincidencia que entre os 19 alumnos do grupo falemos ata 10 linguas europeas diferentes. A situación xeográfica, política e histórica do noso continente permite un achegamento único a ducias de linguas diferentes e, á súa vez, ás culturas onde se falan estas linguas. 

Penso nas miñas experiencias en países moito más grandes que España, coma Estados Unidos ou China, onde un único idioma se fala nunha extensión amplísima. Estou segura de que os repertorios lingüísticos das persoas dos países que menciono serían completamente diferentes aos nosos. Algo, pola outra banda, perfectamente normal e igual de interesante.

2. Somos españois

Sorprendeume e alegroume comprobar que na clase levamos á práctica o que predicamos: todas as linguas son importantes. Na aula, algúns dos meus compañeiros falan catalán, euskera e case todos falamos galego; é dicir: entre nós seriamos quen de comunicarnos en calquera das catro linguas co-oficiais do país. Moitas veces teño lido comentarios acerca do bo que sería ensinar estas catro linguas a todos os nenos e nenas do país. Semella utópico, pero pola nosa banda, parece que o tomamos en serio. Punto para nós!

3. Somos humanistas

Si, nótasenos ben que estudamos linguas, que nos interesa a lingüística, a gramática, a comunicación, a cultura... Ningún de nós fala somentes dúas linguas, todos sabemos expresarnos en tres ou catro. Isto supón unha media moi superior á global no mundo que establece 1,5 idiomas por persoa (ainda que parece que a media europea, seica polas características que comentei antes, é algo máis elevada). Falar 1,5 idiomas significa poder polo menos falar, escribir e entender discurso oral e escrito nunha lingua e ter algunhas destas competencias noutra. Polo tanto, na clase, como é normal, sendo como somos profesores de lingua extranxeira in the making, estamos porriba da media.

Chego, entón, a unha conclusión bastante esperanzadora. Mostramos unha grande interese polas linguas, calesquera que sexan, pois entendemos o seu poder sociocultural e comunicativo con toda a súa forza. Falar unha lingua nova é ver o mundo dun xeito diferente e agora mesmo estou pensando que poida que teñamos aquí unha solución perfecta para moitos males: aprende a falar outro idioma e poderás entender mellor o que te rodea.

 Enlances interesantes:

¿Cantas linguas fala unha persoa de media? - How Many Laguages Does the Average Person Speak?

¿Por que é beneficioso falar máis dunha lingua? - Las ventajas de hablar más de un idioma

¿Cantas linguas se falan en Europa? - Oficial and Spoken Languages of European Countries

3 comentarios:

  1. Ola, Paz.
    Interesante análise do repertorio lingüístico da clase o dos posibles porqués. Nunca reparara na dimensión humanista que temos como grupo de non ser por esta entrada. Pero o certo é que dalgún xeito iso é así, o perfil do alumnado deste mestrado é un pouco humanista, polo menos no tocante ás linguas. Con todo, quero pensar que este humanismo vai máis alá das linguas e acada tamén planos culturais e sociais. Non se entendería pois un docente de linguas estranxeiras, que se presupón unha persoa curiosa, viaxeira e con interese polo alleo, como alguén que viva de costas á idea de Humanismo.
    Só podo rematar dándoche os parabéns por esta publicación!

    ResponderEliminar
  2. Ola Paz!
    Moitas grazas por compartir esta reflexión connosco, non podes estar máis acertada nos teus comentarios. Persoalmente, pareceume súper interesante a actividade que realizamos neste tema 1 sobre o repertorio lingüístico da clase e, ao igual ca ti, quedei abraiada co “humanistas” que somos.
    Sen dúbida, é unha sorte ter nacido neste recuncho de Europa no que a meirande parte de nós creceu nun contexto de bilingüismo. Penso que parte do noso interese polas linguas reside nese factor e eu sumaríame sen pensalo á proposta de que se ensinasen as linguas co-oficiais (aínda que fose un nivel básico) en todo o territorio español durante a etapa escolar. Coñecer e valorar dende ben pequenos o patrimonio lingüístico que temos en España e que vai inescusablemente ligado ao patrimonio cultural, histórico, artístico, etc. sería tremendamente enriquecedor. Utopías ao poder!
    Unha aperta😊

    ResponderEliminar
  3. Ola, Paz! A verdade é que non podo engadir moito ó sinalado polas miñas compañeiras. Sempre fas entradas interesantísimas, dende un enfoque diferente sen limitarte a facer un simple resumo do visto na clase. Neste caso, coincido con todo o que comentas, e pareceume especialmente interesante a reflexión sobre as inquedanzas que nos unen ós estudantes deste máster. En xeral, as persoas que nos adicamos ás linguas adoitamos compartir unha visión máis global do mundo, ou polo menos así puiden constatar na miña experiencia, e creo que é esta visión a que nos leva a interesarnos por outras linguas (e, incluso, esforzarnos por aprendelas). Dentro do noso "mundillo", coñezo galegos que aprenderon catalán por gusto, ingleses que estudan galego por amor á nosa terra... e que somos moitos os que cremos que ningunha lingua estúdase en balde. Unha aperta grande :)

    ResponderEliminar