Na nosa última clase, eu e máis algúns compañeiros fixemos presentacións sobre varios temas diferentes relacionados todos, como non, coa ensinanza de linguas.
Unha compañeira falou sobre o sistema educativo en Finlandia, país estrela da escolarización que todos desexamos acadar. Outras compañeiras falaron de métodos de ensinanza moi interesantes: o método do silencio e o método da suxestopedia. Son métodos que se poden empregar para facer actividades complementarias, que poden romper un pouco a monotonía das clases, para facer algo novo. Porén, como xa comentaron as presentadoras nas súas conclusións, seica son métodos algo desfasados. Houbo tamén unha presentación sobre Zoltán Dörnyei, un autor que coñezo ben, pois ten publicados varios libros de adquisición da linguaxe e de psicolingüística que son dous dos temas principais da miña tese doctoral. Asi mesmo, houbo unha presentación que resumía o Proxecto Lingüístico de Centro. Por último, outra compañeira fixo unha presentación da metodoloxía CLILL, algo que eu experimentei no meu máster nos Estados Unidos e que, penso, funciona realmente ben.
En canto á miña presentación, fixen un PPT no que falaba sobre a ensinanza de linguas en Irlanda, contando tamén como foi a miña experiencia nese país. Semella que Irlanda está a gañar terreno na ensinanza de linguas cunha forte política dirixida á competitividade laboral e económica. Teremos que agardar para ver os froitos destas novas leis de ensinanza, pero a aposta parece xenuina abondo para facer de Irlanda un país plurilingüe en toda regla.
Penso que foi unha clase moi entretida, na que aprendín moito... a pesares dos problemas técnicos :_)
Enlaces interesantes
Método do silencio: Silent Way-Teaching English BBC
Método da suxestopedia: Suggestopedia-TEFL.net